Eficacia no gasto

Fogos artificiales vistos desde a praza de Santa María (01/09/2011/D.B.)

As expresións “eficacia no gasto” ou “estabilidade orzamentaria”, tan repetidas nestes tempos, utilízanse con frecuencia como eufemismos doutra de significado moito máis feroz: recorte (de servizos sociais, educación, ou sanidade, por exemplo). En realidade, non deberían soar a eufemismo senón presupoñerse a todo bo xestor ou gobernante. Se cada vez que as escoitamos torcémos o xesto e pensamos “aí ven o lobo” é simplemente porque veñen a significar que durante uns anos vivimos perigosamente. Fixemos da ineficacia no gasto unha regra, o normal. O lobo é, no mellor dos casos, unha versión responsable de nós mesmos.

Para afastarse deste debate chega con pisar Vilalba nestes días de rencontro familiar e overbooking nos bares. Vilalba vive as festas de San Ramón e Santa María e as festas son precisamente para esquecerse das miserias cotiás e firmar un armisticio coa crise, aínda que só dure uns días. As deste ano, segundo as informacións publicadas na prensa, teñen un custo estimado de 280.000 euros, dos cales 70.000 proceden directamente do Concello. Pode que haxa quen diga que o gasto é excesivo, e máis nestes tempos de austeridade, pero sempre haberá quen replique que Vilalba ben o merece. E xa se sabe que contra os argumentos do corazón as demáis palabras perden forza.

Aínda que ás veces non luza, en Vilalba hai moita xente que pon en dúbida as declaracións de Suso Trastoy publicadas esta semana por El Progreso, nas que di que a única Cultura que hai en Vilalba é a da “misa de doce” e a de “tomar viños, nada máis”. El é, por citar o primeiro nome, un bo exemplo do contrario. Pero hai máis. En Vilalba existe unha grande tradición musical que orbita fundamentalmente en torno á banda de música e ó conservatorio. Hai unha xeración de músicos novos, profesionáis e que están abríndose camiño en cidades españolas e europeas gracias a un traballo de calidade. Refírome a nomes como José Ramón Saborido, Anabel Nistal, Iván Siso, Daniel Veiga, Marta Prado, Daniel Rivas ou Paula Rouco, entre moitos outros. Ademáis, en Vilalba hai máis música, con boas bandas de gaitas e pandereteiras ou incluso grupos de pop e rock.

¿Que son unhas festas sen música? O mesmo que un pobo que prescinde dos seus mellores activos. No caso de Vilalba, que institucións como a banda de música non estiveran presentes no programa e por pouco ausentes do escenario parece imperdoable. Que a asociación de músicos tivese que autofinanciar parcialmente a súa actuación coa apresurada venda de rifas cando ó mesmo tempo se poñen a disposición dos artistas chegados de fora miles de euros en caprichos e catering, soa a ciencia ficción. Outros colectivos e grupos denunciaron tamén a falta de apoio institucional e organizativo que os levou a organizar un festival paralelo ó programa oficial, que contou con artistas como Efecto Mariposa, Nena Daconte, Bertín Osborne, Karina, Jeanette, Lucía Pérez ou Francesco Napoli, entre outros.

Parece claro que o día que ás festas de Vilalba cheguen as expresións “eficacia no gasto” ou “estabilidade orzamentaria” deberán vir acompañadas dun cambio na maneira de facer as cousas que saiba ver no aproveitamento do talento que xa existe a mellor das inversións posibles.


¿Qué opinas?